viernes, 12 de diciembre de 2014

Relato

Á CAZA DO BOCEXO


Ignacio Ruiz Pérez e Rodrigo Ramos Souza

IES DAVID BUJÁN (Cambre)

 O noso profesor de Ciencias propúxonos participar nun concurso de ciencias: o Premio Luís Freire. Tratábase de responder a unha pregunta que non tivese sido respondida mediante o método científico. Decidimos escoller unha que nos pasa a todo o mundo pola cabeza: Contáxianse os bocexos? E como? Pero no traballo non admitían calquera pregunta dita ao chou, así que tivemos que mellorala. Ao final a pregunta resultante e non respondida foi: cal é o mellor método para inducir o bocexo? Así que nos puxemos a traballar dado que nos quedaba un longo camiño ata rematar o traballo e non demasiado tempo para a fin do prazo. Primeiro pensamos nas variables que introduciriamos para facer as enquisas. Ao final decidimos usar as seguintes: unha enquisa onde preguntamos sobre temas relacionados cos bocexos, outra tratando un tema cotián pero bocexando nós, despois un audio con sons de bocexos e un vídeo sen son. Tomamos nota de todos os suxeitos os que enquisamos, anotando os bocexos que fixo cada un, cando... Puxémonos a traballar en canto tivemos listas as enquisas. Primeiro collemos xente da nosa clase (cando faltaba algún profesor) e apurabamos Secundaria 39 nos recreos o tempo cos poucos alumnos que non lles importaba perdelo ou en clases libres... Cando se acabaron collemos os alumnos das outras clases se o profesor ou profesora o permitía. Entón si que había voluntarios, vaia que si! Pero o choio non durou moito porque os profesores comezaron a negarse pola proximidade dos exames finais. E a nós a data tope, que comezaba a estar cada vez máis preto, facíanos apurar cada vez máis. Debido á falta de tempo decidimos parar coas enquisas e comezar a organizar todos os datos que tiñamos. Tardamos máis do esperado coas táboas, bibliografías e «atragoámonos» coas gráficas. O resultado? Unha chapuza de traballo que tiña escasas posibilidades de gañar algo. O noso profesor recomendounos (e fixo ben) deixalo para o ano seguinte e entón facelo ben de verdade. Así que o deixamos. O seguinte ano… Retomamos o traballo, botámoslle unha ollada e démonos de conta de que non só faltaba por engadir algo senón que tiñamos que cambiar moitas cousas. Que malas son as présas... Comezamos a retocar todas as cousas que ían mal, sobre todo as gráficas, e unha vez rematadas retomamos outra vez as enquisas. Rematamos todas as enquisas que quedaban por igualar e chegamos ao número de sesenta persoas por enquisa. Decidimos tamén introducir unha nova enquisa, a enquisa en branco: falando dun tema cotiá sen bocexar nós para asegurarnos de se hai algún outro elemento que poida inducir os bocexos. Tamén esta enquisa fixémosllela a sesenta persoas. Este segundo ano os voluntarios non foron os do ano anterior, pois tiñamos os nomes, así que collemos maioritariamente da clase do profe que nos axudaba e tamén doutras clases de profes que nos coñecían e tamén o traballo. Así, despois de quedarnos algunhas tardes traballando no colexio e na casa tamén, rematamos o traballo e enviámolo ao concurso, só faltaba esperar a resposta. E entón, entre os cinco traballos escollidos de toda Galicia e todos eles premiados xa, atopamos o noso. E pensamos: superfestaaaaaaa! Pero o traballo non remata aquí, unha vez escollidos tivemos que facer unha presentación formada por gráficas, imaxes e moi pouco texto. Nós comentariámola cun breve resumo do traballo, seccionamos o traballo en partes para facelo e para expoñelo. Despois de acabar a presentación, feita en Prezi, cada un púxose a resumir a súa parte. Unha vez rematado, puxémonos a practicar a súa exposición. Ao principio o difícil foi superar o pánico escénico que teñen todos os nenos, e máis os poucos experimentados, porque che treme a voz; polo que empezamos expoñendo nunha clase de primeiro cos que foi bastante máis doado. Despois memorizámolo e fixémolo nas clases superiores. O máis difícil foi memorizalo ben, pois cando comezas a explicar é fácil quedarse en branco.40 Ciencia que conta 2013 O día antes de expoñelo fomos ao lugar onde expoñeriamos, a Domus; o noso profesor explicounos o funcionamento de todo aquilo, dende onde colocariamos o audio, do que se encargarían os técnicos, amosáronnos o punteiro láser, o atril e... bla bla bla. E por fin chegou o gran día. Fomos coas nosas familias os tres integrantes do grupo. Deixáronnos a todos os participantes un tempo para practicalo no salón de actos, ata que nos botaron para facer as preparacións. Andamos un intre pola Domus. Despois dun momento de divertirnos por alí mandáronnos chamar ao salón de actos e fomos todos para alí mortos de medo. Tomamos asento e comezou a exposición. Primeiro foron os infantís, cuns traballos moi graciosos aínda que ben feitos para ser tan pequenos. E despois comezaron os da ESO. O noso traballo foi o cuarto dos cinco en expoñer. Foron pasando os traballos e cada vez faltaba menos para a nosa quenda. Ata que finalmente nos tocou. Fomos ata o atril co rabo entre as pernas. Comezou a expoñer a introdución Martín. Non o fixo nada mal e lembrouse de todo. Despois foi Rodrigo cos métodos e esquecéuselle algunha que outra cousa, pero fíxoo ben. Despois tocoulle a Nacho cos resultados e coas conclusións. Tremeulle un pouco o láser pero nada máis. A todos nos tremían as pernas cando volvemos aos asentos. Despois das exposicións os xuíces retiráronse a deliberar, o que provocou unha espera chea de inquietudes... Ao final volveron e dispuxéronse a dar o seu veredicto. Comezaron polo final, de menos a máis. Tras unha interminable espera non fomos os quintos, nin os cuartos, nin os terceiros. Pero os segundos... Nós! Vaia emoción, nada máis nin nada menos que os segundos! E déronnos un iPad 2 a cada un, ha, ha, ha! Que sorte! Despois de todo isto xa non nos daba medo expoñer outras cousas, vaia que non!